Día do Libro na nosa biblioteca
Con motivo do Día do Libro, no noso centro vivimos unha xornada moi especial chea de lecturas, historias e momentos compartidos arredor dos libros.
Unha das actividades máis bonitas foi o apadriñamento lector, no que o alumnado de cursos superiores compartiu lecturas co alumnado máis pequeno. Foi unha experiencia moi enriquecedora, que repetimos cada ano, na que pequenos e maiores gozaron xuntos das historias e da maxia dos libros.
Ademais, na biblioteca quixemos crear entre todos unha árbore moi especial. Partimos dunha árbore sen follas que, pouco a pouco, foi enchéndose de vida grazas ás recomendacións lectoras do alumnado. Cada neno e nena elaborou unha folla na que escribiu o título dun libro que lle gustou especialmente e unha pequena recomendación para animar aos demais a lelo.
O resultado foi unha fermosa “árbore das lecturas”, chea de cores, títulos e ideas para descubrir novos libros, demostrando que a lectura fai medrar a nosa imaxinación e tamén une á nosa comunidade educativa.
Desde a biblioteca seguimos traballando para facer dos libros unha porta aberta á creatividade, á aprendizaxe e ao encontro cos demais.
Feliz Día do Libro!



Ningún comentario:
Publicar un comentario