sábado, 29 de novembro de 2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO

 





 Mes da ciencia en galego na biblioteca escolar


Dende a Biblioteca Escolar realizamos unha selección de libros en lingua galega co obxectivo de fomentar a lectura, promover o uso do galego e achegar ao alumnado obras de calidade adaptadas aos seus intereses e idades. 

Aproveitando que este curso estamos a traballar a PDI sobre o universo, dedicamos unha sección especial ás mulleres científicas, poñendo en valor o seu importante papel na historia da ciencia. Cada aula do centro participou na elaboración dun libro de investigación, no que o alumnado traballou de maneira activa e colaborativa. Para iso, entregouse un pequeno libriño con follas en branco que cada neno e nena foi completando a través da investigación sobre a vida, os descubrimentos e os logros de distintas científicas.



Por outra banda, realizaronse experimentos durante todo o mes nas diferentes aulas.

Con estas actividades, ademais de fomentar a curiosidade científica e o interese pola investigación, quixemos dar visibilidade a mulleres pioneiras que abriron camiño en ámbitos tradicionalmente masculinizados, contribuíndo así ao recoñecemento do seu legado e á promoción da igualdade.

                               





martes, 25 de novembro de 2025

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 


Día internacional contra a violencia de xénero

O pasado 25 de novembro celebramos na nosa biblioteca o Día internacional contra a violencia de xénero.Dende o centro posicionámonos firmemente a prol da convivencia pacífica e o respecto

O centro decorouse con mans conmemorativas que recollían mensaxes de non violencia.




Ademáis o alumnado de cursos superiores participou a través da lectura de textos de creación propia, onde reflexionaron sobre esta problemática social, convertendo a palabra nunha ferramenta de concienciación e denuncia.


  
Despois organizamos un faladoiro e reflexións sobre a importancia da non violencia.













xoves, 20 de novembro de 2025

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA






Descubrindo os dereitos da infancia da man de Astrocat

Ao longo deste curso, seguimos traballando un tema fundamental para o desenvolvemento do noso alumnado: os dereitos da infancia.
A nosa aventura comezou cunha mensaxe moi especial de Astrocat, quen animou aos nenos e nenas a investigar e descubrir máis sobre os dereitos que protexen a todos os menores do mundo. A partir deste reto, o alumnado iniciou un percorrido cheo de aprendizaxes, reflexións e descubrimentos.

Nos días seguintes reunímonos para compartir ideas e coñecementos, ler un libro relacionado cos dereitos da infancia e participar nunha pequena charla na que reflexionamos sobre a importancia de respectar, protexer e garantir os dereitos de todos os nenos e nenas.

A través do diálogo e do intercambio de opinións, comprendemos mellor conceptos como a igualdade, a educación, a protección, a saúde ou o dereito a expresar as nosas ideas e sentimentos.

Nos días seguintes, en todas as aulas realizáronse diferentes actividades relacionadas cos dereitos da infancia.


 

Porque coñecer os nosos dereitos é o primeiro paso para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e respectuosa con todas as persoas.





luns, 3 de novembro de 2025

GALEGAS NA MÚSICA

 




Mulleres Galegas na Música: descubrindo o noso patrimonio musical

Durante este mes, a nosa biblioteca acolleu a exposición itinerante “Mulleres Galegas na Música”, unha mostra destinada a visibilizar o talento feminino e a poñer en valor o papel das mulleres na historia da música galega.
Esta exposición chegou ao noso centro grazas á colaboración da Asociación Visibles, permitindo ao alumnado achegarse á riqueza do noso patrimonio musical desde unha perspectiva cultural e de igualdade.

A través dos diferentes paneis e materiais da mostra, puidemos coñecer a historia, as cancións e as tradicións das nosas artistas, desde as cantareiras e pandeireteiras que transmitiron oralmente a música popular galega ata figuras actuais que continúan levando a nosa cultura por todo o mundo.


A exposición serviunos tamén para reflexionar sobre a importancia de conservar e valorar o patrimonio musical inmaterial de Galicia, recoñecendo o traballo de tantas mulleres que contribuíron a manter vivas as nosas tradicións ao longo do tempo.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que música, cultura e memoria se uniron para seguir aprendendo e descubrindo referentes femininos da nosa terra.

Dende a biblioteca continuamos apostando por actividades que fomenten o coñecemento da nosa cultura, da nosa lingua e das persoas que axudan a construír a identidade de Galicia.