Mulleres Galegas na Música: descubrindo o noso patrimonio musical
Durante este mes, a nosa biblioteca acolleu a exposición itinerante “Mulleres Galegas na Música”, unha mostra destinada a visibilizar o talento feminino e a poñer en valor o papel das mulleres na historia da música galega.
Esta exposición chegou ao noso centro grazas á colaboración da Asociación Visibles, permitindo ao alumnado achegarse á riqueza do noso patrimonio musical desde unha perspectiva cultural e de igualdade.
A través dos diferentes paneis e materiais da mostra, puidemos coñecer a historia, as cancións e as tradicións das nosas artistas, desde as cantareiras e pandeireteiras que transmitiron oralmente a música popular galega ata figuras actuais que continúan levando a nosa cultura por todo o mundo.
A exposición serviunos tamén para reflexionar sobre a importancia de conservar e valorar o patrimonio musical inmaterial de Galicia, recoñecendo o traballo de tantas mulleres que contribuíron a manter vivas as nosas tradicións ao longo do tempo.
Foi unha experiencia moi enriquecedora na que música, cultura e memoria se uniron para seguir aprendendo e descubrindo referentes femininos da nosa terra.
Dende a biblioteca continuamos apostando por actividades que fomenten o coñecemento da nosa cultura, da nosa lingua e das persoas que axudan a construír a identidade de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario