sábado, 30 de maio de 2026

OBRADOIRO "LAYAR"

 




Surf, cultura e lectura da man de LAYAR

O noso centro recibiu a visita de David Blanco, autor da historia LAYAR, quen compartiu co alumnado unha experiencia moi especial arredor do surf, da cultura e da creatividade.Esta proposta, ilustrada por Julia Aguiar, enmárcase dentro do proxecto “Aprende a través do surfing”, unha iniciativa que nos permitiu achegarnos ao surf indíxena e ás comunidades que manteñen viva esta tradición en diferentes lugares do mundo.

Durante a actividade, o alumnado puido coñecer mellor a historia de LAYAR, reflexionar sobre a relación entre as persoas e o mar e descubrir outras formas de entender o surf máis alá do deporte.

A experiencia completouse cun obradoiro de barro, no que os nenos e nenas deron renda solta á súa creatividade realizando diferentes creacións inspiradas na temática traballada.

Ademais, David Blanco deixou na nosa biblioteca unha interesante selección de libros relacionados co surf e co mar, ampliando así as posibilidades de aprendizaxe e descubrimento para toda a comunidade educativa.



Agradecemos a David Blanco esta visita tan enriquecedora, que uniu lectura, arte, cultura e respecto polas tradicións doutros pobos.

Podedes coñecer máis sobre esta historia e o proxecto LAYAR na web de  surf and clean.

Coidar da Terra é tamén unha forma de coidar do noso futuro!

luns, 18 de maio de 2026

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

 

Letras Galegas 2026: descubrindo a Begoña Caamaño

Durante este mes de maio, na biblioteca do noso centro celebramos o Día das Letras Galegas achegándonos á figura de Begoña Caamaño, autora homenaxeada neste ano 2026 pola Real Academia Galega.
Begoña Caamaño foi escritora, xornalista e unha grande defensora da lingua galega, da igualdade e da cultura do noso país.

Na biblioteca realizamos diferentes actividades para coñecer mellor a súa vida e a súa obra: lecturas compartidas, murais colaborativos, recomendacións lectoras e exposicións arredor das mulleres na literatura e na música galega.








Ademais, reflexionamos sobre a importancia de defender a nosa lingua e de visibilizar as voces femininas da cultura galega.

Con esta celebración queremos seguir fomentando o amor pola lectura en galego e descubrir referentes que, como Begoña Caamaño, empregaron a palabra para construír un mundo máis xusto e igualitario.

Feliz Día das Letras Galegas!