luns, 22 de decembro de 2025

ADVENTO DE CONTOS DE NADAL

 


Advento de Contos de Nadal na biblioteca escolar

Durante o mes de decembro, a nosa biblioteca escolar encheuse de maxia, ilusión e historias grazas á actividade “Advento de Contos de Nadal”.

As familias voluntarias e profesorado achegáronse á biblioteca para compartir co alumnado diferentes contos e lecturas relacionadas co Nadal. 



As historias transportáronnos a mundos cheos de neve, amizade, solidariedade, ilusión e emocións propias destas datas tan especiais. 
Con esta actividade quixemos fomentar o gusto pola lectura, fortalecer a colaboración entre a escola e as familias e vivir o Nadal dunha maneira creativa e participativa.



Agradecemos de corazón a todas as persoas que colaboraron nesta iniciativa e que, coa súa voz e o seu tempo, axudaron a manter viva a maxia dos contos na nosa biblioteca.

Tamén realizamos actividades de arte e decorativas no noso centro.








Bo Nadal e felices lecturas!






mércores, 10 de decembro de 2025

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

 




Día dos Dereitos Humanos na nosa escola

Con motivo da celebración do Día dos Dereitos Humanos, no noso centro realizamos diferentes actividades destinadas a reflexionar sobre a importancia da dignidade, da igualdade e do respecto entre todas as persoas.

A través desta xornada, o alumnado puido achegarse ao coñecemento dos dereitos fundamentais, entendendo que todas as nenas e nenos teñen dereito a vivir con liberdade, seguridade, educación, respecto e protección.

Entre as actividades desenvolvidas destacaron:

Mans polos Dereitos: o alumnado decorou mans nas que quedaron representados diferentes dereitos fundamentais dos que gozamos como nenos e como persoas. Cada man converteuse nun símbolo de compromiso coa igualdade, a paz e a convivencia.




Seguiremos enchendo a nosa escola de pequenas accións que axuden a medrar en empatía, solidariedade e respecto polos demais.






mércores, 3 de decembro de 2025

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

 




Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, no noso centro desenvolvemos diferentes actividades para reflexionar sobre a importancia da inclusión, o respecto á diversidade e a igualdade de oportunidades para todas as persoas.

A través de contos, vídeos, dinámicas de grupo e actividades de reflexión, traballamos valores fundamentais como a solidariedade, a cooperación e a importancia de construír unha sociedade máis accesible e inclusiva para todos e todas.

Entre as actividades realizadas, investigamos a figura de John McFall, médico, atleta paralímpico e membro da Axencia Espacial Europea. A súa historia serviunos para descubrir como, grazas á perseveranza e á superación persoal, conseguiu converterse no primeiro astronauta con discapacidade seleccionado para participar nun programa espacial.



Coñecer a súa traxectoria permitiunos reflexionar sobre a importancia de derrubar barreiras e prexuízos, entendendo que todas as persoas poden alcanzar os seus soños cando teñen oportunidades e apoios adecuados.

Porque unha sociedade verdadeiramente inclusiva é aquela na que todas as persoas teñen a oportunidade de participar, medrar e cumprir os seus soños.

sábado, 29 de novembro de 2025

MES DA CIENCIA EN GALEGO

 





 Mes da ciencia en galego na biblioteca escolar


Dende a Biblioteca Escolar realizamos unha selección de libros en lingua galega co obxectivo de fomentar a lectura, promover o uso do galego e achegar ao alumnado obras de calidade adaptadas aos seus intereses e idades. 

Aproveitando que este curso estamos a traballar a PDI sobre o universo, dedicamos unha sección especial ás mulleres científicas, poñendo en valor o seu importante papel na historia da ciencia. Cada aula do centro participou na elaboración dun libro de investigación, no que o alumnado traballou de maneira activa e colaborativa. Para iso, entregouse un pequeno libriño con follas en branco que cada neno e nena foi completando a través da investigación sobre a vida, os descubrimentos e os logros de distintas científicas.



Por outra banda, realizaronse experimentos durante todo o mes nas diferentes aulas.

Con estas actividades, ademais de fomentar a curiosidade científica e o interese pola investigación, quixemos dar visibilidade a mulleres pioneiras que abriron camiño en ámbitos tradicionalmente masculinizados, contribuíndo así ao recoñecemento do seu legado e á promoción da igualdade.

                               





martes, 25 de novembro de 2025

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

 


Día internacional contra a violencia de xénero

O pasado 25 de novembro celebramos na nosa biblioteca o Día internacional contra a violencia de xénero.Dende o centro posicionámonos firmemente a prol da convivencia pacífica e o respecto

O centro decorouse con mans conmemorativas que recollían mensaxes de non violencia.




Ademáis o alumnado de cursos superiores participou a través da lectura de textos de creación propia, onde reflexionaron sobre esta problemática social, convertendo a palabra nunha ferramenta de concienciación e denuncia.


  
Despois organizamos un faladoiro e reflexións sobre a importancia da non violencia.













xoves, 20 de novembro de 2025

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA






Descubrindo os dereitos da infancia da man de Astrocat

Ao longo deste curso, seguimos traballando un tema fundamental para o desenvolvemento do noso alumnado: os dereitos da infancia.
A nosa aventura comezou cunha mensaxe moi especial de Astrocat, quen animou aos nenos e nenas a investigar e descubrir máis sobre os dereitos que protexen a todos os menores do mundo. A partir deste reto, o alumnado iniciou un percorrido cheo de aprendizaxes, reflexións e descubrimentos.

Nos días seguintes reunímonos para compartir ideas e coñecementos, ler un libro relacionado cos dereitos da infancia e participar nunha pequena charla na que reflexionamos sobre a importancia de respectar, protexer e garantir os dereitos de todos os nenos e nenas.

A través do diálogo e do intercambio de opinións, comprendemos mellor conceptos como a igualdade, a educación, a protección, a saúde ou o dereito a expresar as nosas ideas e sentimentos.

Nos días seguintes, en todas as aulas realizáronse diferentes actividades relacionadas cos dereitos da infancia.


 

Porque coñecer os nosos dereitos é o primeiro paso para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e respectuosa con todas as persoas.





luns, 3 de novembro de 2025

GALEGAS NA MÚSICA

 




Mulleres Galegas na Música: descubrindo o noso patrimonio musical

Durante este mes, a nosa biblioteca acolleu a exposición itinerante “Mulleres Galegas na Música”, unha mostra destinada a visibilizar o talento feminino e a poñer en valor o papel das mulleres na historia da música galega.
Esta exposición chegou ao noso centro grazas á colaboración da Asociación Visibles, permitindo ao alumnado achegarse á riqueza do noso patrimonio musical desde unha perspectiva cultural e de igualdade.

A través dos diferentes paneis e materiais da mostra, puidemos coñecer a historia, as cancións e as tradicións das nosas artistas, desde as cantareiras e pandeireteiras que transmitiron oralmente a música popular galega ata figuras actuais que continúan levando a nosa cultura por todo o mundo.


A exposición serviunos tamén para reflexionar sobre a importancia de conservar e valorar o patrimonio musical inmaterial de Galicia, recoñecendo o traballo de tantas mulleres que contribuíron a manter vivas as nosas tradicións ao longo do tempo.

Foi unha experiencia moi enriquecedora na que música, cultura e memoria se uniron para seguir aprendendo e descubrindo referentes femininos da nosa terra.

Dende a biblioteca continuamos apostando por actividades que fomenten o coñecemento da nosa cultura, da nosa lingua e das persoas que axudan a construír a identidade de Galicia.





sábado, 25 de outubro de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES.

 

📚 Contra a desinformación: Biblioteca.

O pasado 24 de outubro celebramos no noso centro o Día das Bibliotecas , baixo o lema deste ano: “Contra a desinformación: Bibliotecas

As bibliotecas son espazos fundamentais para o coñecemento, o pensamento crítico e a convivencia. Por iso organizamos un faladoiro e choiva de ideas no que o alumnado compartiu as súas reflexións sobre a importancia das bibliotecas no noso día a día. As ideas e opinións dos nenos e nenas foron tan interesantes como inspiradoras.


Ademais,  tivemos unha lectura a cargo de alumnado e axudantes do centro, centrada no tema do poder das etiquetas boas e malas. 






A actividade serviu para facer unha pequena reflexión colectiva sobre como as palabras poden construír ou ferir, e a importancia de elixir sempre etiquetas que sumen e respecten.


Como peche da xornada, realizouse a entrega das mochilas viaxeiras que levará o alumnado para ler en familia. 







Ata a lúa e volta!



luns, 13 de outubro de 2025

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA SAMAÍN

 


🎃 RECOMENDACIÓNS LECTORAS DE SAMAÍN

Este Samaín, a nosa biblioteca encheuse de maxia, misterio e moitas ganas de ler!
Preparamos un expositor cheo de recomendacións lectoras arrepiantes e divertidas perfectas para estas datas: contos de fantasmas, bruxas simpáticas, misterios por resolver e historias que nos fixeron tremer… e rir tamén! O éxito foi tan grande que tivemos que renovar o expositor con novos títulos.



Grazas a todo o alumnado polas súas suxestións e por facer da lectura unha festa tamén no Samaín!

Ata a lúa e volta!



luns, 6 de outubro de 2025

APERTURA DA BIBLIOTECA ESCOLAR

 

🌟 Estamos de volta!

Hoxe volvemos abrir as portas da nosa biblioteca para volver ao marabilloso mundo dos libros.Con moita ilusión, lembramos ao alumnado as normas básicas de uso da biblioteca e presentamos os novos espazos, agora máis funcionais e prácticos para gozar da lectura e das aprendizaxes múltiples. Ademais, coñecemos aos novos axudantes que nos acompañarán durante este curso.

No día de hoxe tivemos tamén unha sorpresa moi especial: recibimos un correo electrónico e un conto protagonizado por Astrocat. Lemos o conto e descubrimos que se trataba dunha mensaxe na que nos pedía axuda para investigar sobre o universo e pedíanos que estivésemos atentos aos retos e misións espaciais que nos irá enviando.

🚀Pero...Quen é Astrocat? Astrocat é un gato aventureiro, curioso e moi intelixente que adora a ciencia e o espazo. É o protagonista dunha colección de libros creados polo científico Dr.Dominic Walliman e ou ilustrador Ben Newman.

A través das súas historias, Astrocat convídanos a descubrir os segredos do universo: os planetas, as estrelas, os foguetes e todo aquilo que existe máis aló da nosa Terra. Pódese dicir que é o "primeiro gato astronauta da literatura infantil científica e agora… tamén chegou á nosa biblioteca de Buño! 🐱✨

Damos así por comezado a noso Proxecto Documental Integrado (PDI) “Ata a lúa e volta”: a idea naceu da emoción e entusiasmo dous máis pequenos despois de ler o conto"Adiviña canto che quero”, onde unha lebre pequena e outra grande falan do amor que se teñen, ata chegar…ata a lúa e volta!

Dende esa inspiración, decidimos emprender unha viaxe de investigación polo universo, chea de aprendizaxes, curiosidades e ilusión. E para facelo aínda máis emocionante, a nosa mascota de infantil, Chocolate púxose en contacto con Astrocat… e este apareceu na biblioteca de Buño!


💫 Estamos desexando compartir esta aventura con toda a comunidade educativa.

Ata a lúa e volta familias!


venres, 6 de xuño de 2025

DÍA DO MEDIO AMBIENTE

 


DÍA DO MEDIO AMBIENTE

Dentro das actividades relacionadas coa educación ambiental e a participación da comunidade educativa, realizamos unha xornada moi especial que contou coa colaboración das familias.

 Elaboramos adornos florais con materiais naturais, promovendo a creatividade e o respecto polo medio. 



Ademais, previamente organizamos un paseo para gozar da contorna, durante o cal realizamos unha recollida de lixo, contribuíndo á limpeza e coidado do espazo común. e para recoller flores silvestres.

Ao remate, compartimos un momento para conversar sobre o medio ambiente, reflexionando conxuntamente sobre a importancia de preservar a natureza e actuar de forma responsable.







venres, 30 de maio de 2025

NOVIDADES LECTORAS

 


NOVIDADES LECTORAS

Chegan máis novidades á biblioteca escolar! 

E lembra: as túas suxestións tamén contan, así que se botas en falta algún título... ¡dínolo!

"Porque ler é unha viaxe que nunca remata, e cada libro novo é unha oportunidade de seguir soñando, aprendendo e medrando"