🌟 Estamos de volta!
Hoxe volvemos abrir as portas da nosa biblioteca para volver ao marabilloso mundo dos libros.Con moita ilusión, lembramos ao alumnado as normas básicas de uso da biblioteca e presentamos os novos espazos, agora máis funcionais e prácticos para gozar da lectura e das aprendizaxes múltiples. Ademais, coñecemos aos novos axudantes que nos acompañarán durante este curso.
No día de hoxe tivemos tamén unha sorpresa moi especial: recibimos un correo electrónico e un conto protagonizado por Astrocat. Lemos o conto e descubrimos que se trataba dunha mensaxe na que nos pedía axuda para investigar sobre o universo e pedíanos que estivésemos atentos aos retos e misións espaciais que nos irá enviando.
🚀Pero...Quen é Astrocat? Astrocat é un gato aventureiro, curioso e moi intelixente que adora a ciencia e o espazo. É o protagonista dunha colección de libros creados polo científico Dr.Dominic Walliman e ou ilustrador Ben Newman.
A través das súas historias, Astrocat convídanos a descubrir os segredos do universo: os planetas, as estrelas, os foguetes e todo aquilo que existe máis aló da nosa Terra. Pódese dicir que é o "primeiro gato astronauta da literatura infantil científica e agora… tamén chegou á nosa biblioteca de Buño! 🐱✨
Damos así por comezado a noso Proxecto Documental Integrado (PDI) “Ata a lúa e volta”: a idea naceu da emoción e entusiasmo dous máis pequenos despois de ler o conto"Adiviña canto che quero”, onde unha lebre pequena e outra grande falan do amor que se teñen, ata chegar…ata a lúa e volta!
Dende esa inspiración, decidimos emprender unha viaxe de investigación polo universo, chea de aprendizaxes, curiosidades e ilusión. E para facelo aínda máis emocionante, a nosa mascota de infantil, Chocolate púxose en contacto con Astrocat… e este apareceu na biblioteca de Buño!
💫 Estamos desexando compartir esta aventura con toda a comunidade educativa.
Ata a lúa e volta familias!


Ningún comentario:
Publicar un comentario