“Sen elas non hai olería”: tradición, memoria e creatividade
Durante o mes de xaneiro, a nosa biblioteca acolleu a exposición itinerante “Sen elas non hai olería”, unha mostra que recoñece e pon en valor o importante papel das mulleres na historia da olería tradicional de Buño.
A través dos diferentes paneis e materiais da exposición, o alumnado puido descubrir como as mulleres foron fundamentais na conservación desta tradición artesanal, participando activamente nos procesos de creación, transmisión e mantemento dun oficio moi ligado á identidade cultural galega.
Esta exposición, cedida pola Asociación Visibles, permitiunos achegarnos á historia da olería desde unha perspectiva social e cultural, visibilizando o traballo e a dedicación de tantas mulleres que contribuíron a manter viva esta arte ao longo do tempo.
A experiencia completouse coa realización do obradoiro “Coas mans na terra”, no que o alumnado puido experimentar directamente co barro, coñecendo técnicas básicas da olería e dando renda solta á súa creatividade a través das súas propias creacións.
Foi unha actividade moi enriquecedora na que tradición, igualdade e aprendizaxe se uniron para achegar ao alumnado unha parte moi importante do noso patrimonio cultural.
Desde a biblioteca seguimos apostando por iniciativas que nos permitan coñecer, valorar e conservar as tradicións da nosa terra, recoñecendo sempre o papel fundamental das mulleres na nosa historia e cultura.


Ningún comentario:
Publicar un comentario