luns, 18 de decembro de 2023

Recomendacións lectoras para o Nadal!


Xa sabes que libro vas ler ou agasallar este Nadal? Os bibliotrisquis recoméndanche!

Neste pdf atoparás libros especialmente seleccionados para esta época do ano, libros para saber máis, cómics e contos específicos para a etapa de Educación Infantil, ademais doutros para máis maiores para emocionar e reflexionar. Así mesmo, incluimos exemplares do Hematocrito, en homenaxe a el.

PICA NA IMAXE para ver todas as recomendacións para o Nadal!

domingo, 17 de decembro de 2023

Festival de Nadal 2023!

 


Xa temos todo listo para o Festival de Nadal! Estes días, a nosa biblioteca transfórmase. Montamos palco, telón e decorados coa axuda do noso conxerxe.

Comezan os últimos ensaios, onde hai moito traballo detrás (coreografía, vestiario, maquillaxe, presentacións) e  comezan a notarse os nervios. Aiii...que pouquiño falta!

E é que a biblioteca tamén é un recuncho para celebrar e compartir actos culturais en familia!

sábado, 16 de decembro de 2023

Taller de centros de Nadal (colaboración das familias)!

 

Un ano máis tivemos a sorte de contar cun obradoiro de coroas de Nadal. Agradecemos especialmente ás familias colaboradoras por facelo posible. Sen dúbida, quedarán uns centros de mesa moi especiais nestas festas!


venres, 15 de decembro de 2023

Torneo de xadrez 2023: descubre libros de estratexia na nosa zona de consulta!

Dentro da nosa Biblioteca Escolar temos un recuncho para xogos e, entre eles, para o xadrez.

Este ano inauguramos, coa a axuda do mestre Fernando, o I Torneo de Xadrez do CEIP Joaquín Rodríguez Otero.

Tras deixar no taboleiro o anuncio, non tardamos en recibir inscricións. Ademais, o alumnado participante estivo practicando varios recreos antes da partida final, previa ao Nadal.

Encantounos ver como creaban e compartían as súas propias estratexias!


Se aínda non sabes xogar e queres participar na edición 2024, olla os libros cos que contamos na Biblioteca Escolar, na zona de consultas.

Un moi interesante para descubrir estratexias e avanzar na arte do xadrez é o que amosamos a continuación, da editorial Blume e da autora Sabrina Chevanne.



Tamén deixamos un pequeno videotitorial para que vaias practicando:


xoves, 14 de decembro de 2023

"Todos e todas contamos". Talleres pola inclusión de Afundación.

"Todos e todas contamos"é unha proposta inclusiva de Afundación articulada en varios talleres, segundo a idade. 

Educación Infantil e 1º e 2º recibiron o contacontos "A familia". A historia tratou diferentes tipos de familias (monoparentais, numerosas, de dous pais...). Unha vez escoitado o conto, realizaron a actividade "Creando a miña familia". Para iso, cada neno debuxou as persoas que conformaban o seu núcleo familiar, uníndoas posteriormente para crear un móbil colgante. Desta maneiro viron que cada familia é diferente pero igual de xenial!



3º e 4º de Educación Primaria desfrutou de "Circuito circense", un obradoiro  no que crearon o seu propio circo. Colocaronse diferentes estacións nas que o alumnado foi experimentando con actividades de equilibrio, puntería e incluso acrosport. Con estas actividades tentaron mellorar a convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima personal e grupal, o coñecemento e o control do seu propio corpo; así como a superación de medos e límites.





5º e 6º de Educación Primaria tivo a oportunidade de asistir a un obradoiro de "Globoflexia". Explicóuselles os principios da globoflexia, unha técnica artística na que podemos facer diferentes figuras con globos, empregando a torsión como elemento moldeador das figuras.  Coa súa implementación desenvolvemos a creatividade e a imaxinación; ao tempo que fomentamos a motricidade, a concentración e o traballo en equipo. Olla este pulpo femosísimo!



domingo, 3 de decembro de 2023

Baixo o mesmo paraugas!





O 3 de decembro é o Día Internacional adicado á Discapacidade. Dende a biblioteca fixemos unha selección de libros sobre esta tema para traballar co alumnado.

A maiores, uníndonos ao lema "Baixo o mesmo paraugas", elaboramos entre todos este VÍDEO que agardamos que vos guste! 

venres, 1 de decembro de 2023

Recuncho sobre Marco Polo: novos libros!

 


Para dar resposta á curiosidade que están tendo os nenos e nenas sobre Marco Polo, adquirimos novos exemplares que esperamos que vos gusten! Tamén implicamos ás familias, moitas das cales aportaron revistas e libros relacionados sobre a primeira parada da viaxe (Venecia), lugar natal do explorador e do gran aventureiro Marco Polo!

Deixamos un pdf ilustrativo das características básicas dos libros adquiridos:

Pica na esquina superior dereita da imaxe ou móvete no documento na barra lateral da dereita da imaxe seguinte:

Novidades en libros para o Nadal!

 Deixámosvos as novidades que adquirimos para recibir este Nadal!







xoves, 30 de novembro de 2023

Novos recunchos na Biblioteca Escolar!




Por fin chegou a alfombra que solicitara o mestre Jacobo a finais do curso pasado. E con ela puidemos organizar un recuncho máis accesible para os máis pequenos.

Para iso, puxemos os exemplares á súa altura, para que sexan eles os que poidan ver e escoller contos. Así poden ir formando a toma de decisións en base aos seus criterios.

Tamén os organizamos por temáticas (animais, familia, inclusión, educación emocional, personaxes, aprender máis sobre...) para que tanta os mestres como os propios pequenos puideran localizar rápido os seus exemplares. Así mesmo, non deixamos de clasificar seguindo o protocolo do plan Meiga, posterior Koha.


martes, 28 de novembro de 2023

Continuamos traballando para eliminar a Violencia de Xénero (25 N)

 Estas semanas o alumnado estivo traballando a necesidade dunha igualdade entre homes e mulleres. Para iso escolleron algúns dos libros que temos na biblioteca!

Un deles foi "Artur e Clementina" de Adela Turín e Nella Bosnia (editorial Kalandraka).



Despois da lectura deste libro tan bonito e necesario, o alumnado realizou unha serie de murais coa colaboración da mestra Ana, que imparte as materias relacionadas coa ARTE.




En Educación Infantil tamén estiveron contando contos, entre eles, esta nova novidades, que lles resulta moi cómica aos máis pequenos.



Para o alumnado de 1º e 2º propúxese a lectura de "Maruxa" de Eva Mejuto e Mafalda Milhoes; da editorial OQO. Sen dúbida un imprescindible para traballar a igualdade, que sempre gusta entre pequenos e grandes.




Para os nenos e nenas de 3º e 4º tamén houbo outras novidades que tiveron éxito. Foi moi emprestado o seguinte libro, que traballa a autoestima e a autoimaxe.


Por último, na clase dos máis maiores caiu algunha bágoa con estes contos tan especiais cos que estivemos traballando:


venres, 24 de novembro de 2023

Selección de libros e novidades para o Día internacional contra a Violencia de Xénero (25 N)!

 Dende a Biblioteca Escolar decimos NON a calquera tipo de violencia, polo que non podíamos deixar pasar este día para educar en igualdade, combatendo esta lacra social que aínda nos invade.

Deixámosvos as nosas recomendacións. Destacamos como novidades libros tan especiais como "Maruxa", "Chuvasqueiro de Aurora", "Los hombres no lloran" , "Pepuka" ou " Yo voy conmigo".







Achegámosvos o conto do "Chuvasqueiro de Aurora". Imposible non emocionarse!

xoves, 23 de novembro de 2023

Escoita aos bibliotrisquis! Mandáronos un audio!


Os bibliotrisquis mandáronnos un audio e que alegría levamos! Van vir vivir á nosa biblioteca!

Pica na imaxe para escoitalos!

Mensaxe dos bibliotrisquis

luns, 20 de novembro de 2023

Formándonos nas xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia!


Este sábado 18 de novembro celebrouse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares 2023. Alí xuntámonos moitísimos coordinadores de toda Galicia para seguir aprendendo de experiencias innovadores, do ben facer doutros bibliotecarios e, incluso, tivemos a oportunidade de coñecer autores como a Xulia Pisón ou Miguelanxo Prada.




Día Internacional dos Dereitos da Infancia (20N)!

Hoxe celébrase o Día Internacional dos Dereitos da Infancia e, dende a Biblioteca Escolar, aproveitamos para recomendar algún dos nosos libros:


Tengo derecho a ser niño, de Aurélia Fronty. Descubre os dereitos dos nenos a través dun texto poético, cargado de emotividade e acompañado de preciosas ilustracións.


Un mundo mejor (derechos del niño), de Jaguar. Repasa os dereitos dos nenos a través de fermosas e singulares ilustracións, nas cales colaboraron 11 artistas.

Por último deixamos unha canción que propuxemos para traballar cos máis pequenos, de UNICEF.


Por último aportamos un vídeo máis intenso para os máis maiores, onde se fala da convención dos dereitos dos nenos. Un vídeo serio para un tema serio!

luns, 6 de novembro de 2023

Recomendacións de Samaín!

 


A biblioteca engalanouse especialmente para recibir o Magosto e tamén a festa máis terrorífica do ano: o Samaín!

Para iso deixamos expostos, na entrada da biblioteca, recomendacións escalofriantes.

Xunto a isto, dende o centro, celebráronse diversos obradoiros: cociña monstruosa, maquillaxe de medo, bailes para atrevidos e un concurso de cabazas.

Deixámosvos os vídeos de ambas celebracións, para que poidades facervos á idea.



Novembro: mes da ciencia en galego nas Bibliotecas Escolares!

 “Son das que pensan que a ciencia ten gran beleza. Un científico no seu laboratorio non é só

un técnico: é tamén un neno colocado ante fenómenos naturais que lle impresionan como un

conto de fadas”. Marie Curie (1867-1934)


Como indicaba Marie Curie, a ciencia pode impresionarnos como un conto de fadas. Dende a biblioteca intentamos que o noso alumnado sinta curiosidade e ganas de experimentar e coñecer o que nos rodea.

Seguindo o método científico (observación, roblema, hipóteses, experimentación, análise, rexeitamento ou cumprimento das hipóteses, conclusións), comezamos a realizar experimentos co alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria, que inscribimos na "Misión Alba".

Misión Alba é un programa educativo impulsado polo Sincrotón ALBA, a única fonte de luz de sincrotón de España. Está avalado pola Generalitat de Cataluña e polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Nel participan centros de toda España.

Os primeiros experimentos que realizamos foron os seguintes: 


"Vimos o invisible: o dióxido de carbono".


"Vemos a refracción e reflexión da luz empregando Orbeez"


Sigue o noso proceso científico e o do resto de centros de toda España: MISIÓN ALBA (misionalba.es)


mércores, 1 de novembro de 2023

Coñecemos a Marco Polo!


Despois das enterarnos que os bibliotrisquis quedaron atrapados no "Libro das Marabillas", puxémonos mans á obra para intentar axudarlles. Para iso, comezamos a viaxe coñecendo e investigando máis sobre a figura de Marco Polo, o protagonista dese libro.

Dende a biblioteca fixemos un pequeno documento para axudar aos pequenos investigadores.

PICA E ARRASTRA na barra lateral dereita ou abre o documento na esquina superior dereita do documento para saber máis!

Tamén nos axudamos da canción dos Lunnis para dalo a coñecer entre os máis pequenos. Foi todo un éxito! O retrouso da canción xa o saben de memoria!



Aquí deixámosvos a letra! Pica e arrastra na barra lateral dereita do documento; ou ábreo dándolle na esquina superior dereita.


mércores, 25 de outubro de 2023

Día da Biblioteca Escolar

 

Este 24 de outubro celebramos o día da Biblioteca Escolar no noso centro. Para iso, no acto, levamos a cabo as seguintes actividades:

-> Descubrimos o lema deste ano das Bibliotecas Escolares de Galicia, relacionado coa banda deseñada.

-> Recordamos os mimos que deben recibir os libros da biblioteca.

-> Fixemos entrega das mochilas viaxeiras, que percorrerán todos os fogares ao longo do curso.

-> Vimos un vídeo moi emotivo sobre o significado da biblioteca para moitos dos biblioaxudantes e para algunhas das mestres que se animaron a participar.

-> Realizamos un pequeno colgador para os nosos momentos de lectura.




Colgadores para os nosos momentos de lectura!


Con motivo do Día da Biblioteca Escolar, o alumnado recortou e creou uns colgadores moi especiais para que nada lles impida viaxar polos libros!